Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Jesús Manuel García repasa corenta anos de historiografía sobre a purga dos mestres polo franquismo en España

18 de julio de 2020

O director de UNED Ourense estuda a produción científica dedicada a esta cuestión nun artigo publicado no último número do Boletín Auriense 

OURENSE, 18 de xullo de 2020.- O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz,  acaba de publicar un novo traballo, esta vez trátase dun artigo que se recolle no último número do Boletín Auriense, presentado o día 15 de xullo. Neste traballo, García estuda e repasa a  historiografía acerca da depuración do Maxisterio Nacional durante o primeiro franquismo en España. “Desde os anos 70 do pasado século ata a actualidade, o estudo deste fenómeno incrementouse e puliuse, -especialmente a partir da publicación da investigación de  Morente  Valero, que supuxo unha inflexión, acudindo ás fontes documentais do Arquivo Xeral da Administración (AGA)- aínda que ben é certo que aínda non está consumado o estudo completo desta depuración administrativa”, sinala o autor.

Son numerosos os estudos de ámbito provincial, en Galicia dispoñemos do que se centra no coruñés, pero tamén abundan traballos parciais. Jesús Manuel García  achéganos a unha paisaxe  historiográfica composta por decenas de libros e artigos dunha  morea de autores ao longo do últimos corenta anos, que se referiron á depuración dos mestres de escola en todos os recunchos de España.

Hai unha primeira parte dedicada aos primeiros estudos, traballos pioneiros, etapa que se alonga ata os anos 90 do pasado século. Di o doutor García Díaz que a evolución da historiografía acerca da depuración do Maxisterio nacional en España "permite distinguir varias fases desde os primeiros traballos dos anos setenta ata a actualidade. “Cronoloxicamente, a nova tese de  Valero marca un punto de inflexión entre os estudos monográficos anteriores e posteriores á mesma, pero tamén cremos convinte facer referencia aos traballos incluídos en monografías xeralistas sobre represión franquista que dedican algunhas páxinas a esta cuestión, os estudos sobre provincias, comarcas, cidades ou pequenos municipios e, finalmente, as monografías relativas a mestres e á súa depuración en zona republicana”, sinala o director de UNED Ourense. Unha desas provincias con estudo completo é a de A Coruña, que foi obxecto de investigación por parte de García.

Na etapa pioneira existen traballos que beben en fontes oficiais de maneira exclusiva, “polo que non adoitan ofrecer datos cualitativos ao non poder acceder aos expedientes xerados por cada unha das Comisións Depuradoras nas súas provincias respectivas”, indica García. A investigación foise perfeccionando a medida que se comezaron a consultar os expediendes dos mestres, que se conservan no AGA. 

Neste número do Boletín Auriense se publica tamén unha ampla variedade de artigos tanto de arqueoloxía como de arte ou de historia. Por elo hai interesantes referencias ás minas de ouro no Monte Medo ou ás tomografías da balsa de captación de auga da explotación aurífera romana primaria de Monte Partido, en Montederramo. Danse a coñecer dúas novas aras romanas ao tempo que se fala igualmente dun leccionario fragmentario pregótico do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, ou das ricas bibliotecas da Casa de Monterrey sen esquecer as pinturas murais de San Vicenzo dos Vilares. E así ata unha vintena de traballos. O contido deste Boletín Auriense, que edita o Grupo Marcelo Macías, é polo tanto, moi nutrido, como corresponde a unha publicación veterana que se adapta aos novos tempos.  

Acceso á ligazón do artigo aquí.  

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es