Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED organiza en Ourense un curso de introdución á computación cuántica

17 de febrero de 2020

Desenvolverase desde o 3 de marzo ata o 2 de abril no Centro Asociado cun tope de 25 matriculados 

OURENSE, 17 de febreiro de 2020.- O Centro Asociado á UNED en Ourense organiza e ofrece un curso básico de introdución á computación cuántica e nocións de información cuántica. Explicaranse conceptos de álxebra lineal e mecánica cuántica, necesarios para comprender mellor os contidos formativos. Terá lugar do 3 de marzo ao 2 de abril de 2020 no Centro UNED de Ourense. Consta de 25 horas lectivas presenciais, o docente é José Luis Fernández, coordinador Tecnolóxico do Centro Asociado de Ourense. O programa é o seguinte: O martes, 3 de marzo, de 16:00 a 20:00 h. tratarase sobre a Introdución á computación cuántica. Fundamentos básicos. O xoves, 5 de marzo, de 17:00 a 20:00 h. Fernández falará sobre o Modelo matemático da computación cuántica. Fundamentos básicos mecánica cuántica. Complexidade computacional. Para o martes, 10 de marzo, de 17:00-20:00 h. está previsto falar sobre Spin e Qubits. Entanglement. Desigualdades de Bell. A partir deste día o horario mantense entre as cinco e as oito da tarde. O martes, 17 de marzo o tema elixido titúlase: Computación cuántica. Qubits. Puertas cuánticas. Modelo de circuítos. O martes, 24 de marzo o docente fará unha exposición sobre Computación cuántica na nube. IBM Quantum Experience. Simuladores cuánticos. E o xoves, 26 de marzo os alumnos coñecerán O problema de Deutsch. Algoritmo Deutsch- Josza. Transformada cuántica Fourier. A seguinte sesión está prevista para o luns, 30 de marzo, no que se tratará do Algoritmo Shor. Criptografía cuántica. A última sesión será o xoves, 2 de abril na que José Luis Fernández tratará o tema: Outros: algoritmo Grover, Simon... 

As prazas están limitadas a 25 persoas. En canto á matrícula, é en liña e os prezos son: a ordinaria, 45 euros; a dos alumnos da UNED, estudantes doutras universidades e alumnos de FP (xustificando estes dous últimos a súa matrícula vixente no ano académico 2019-2020), 35 euros, e os desempregados, 25 euros, demostrando o seu estado coa entrega dunha copia do xustificante da Oficina de Emprego. Este curso está dirixido por Timothy Martin Read, profesor titular do Departamento de Linguaxes e Sistemas informáticos da Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática da UNED. Vai dirixido a estudantes universitarios e de ciclos formativos afíns á materia do curso e interesados en xeral na materia. Sería desexable que o alumno : 

 · Coñecese algunha linguaxe de programación clásico, se é posible Python 

 · Tivese algún coñecemento elemental de mecánica cuántica.

 · Coñecemento elemental de álxebra lineal, co nivel de bacharelato podería ser suficiente. 

 O obxectivo deste curso é establecer unhas bases de coñecemento sobre a computación cuántica. A metodoloxía consistirá en acompañar todos os contidos de boletíns de exercicios para reforzar a aprendizaxe, e será necesario, para superar o curso,  realizar satisfactoriamente unha proba análoga aos exercizos que se irán resolvendo durante o seu desenvolvemento así como  cubrir a enquisa final do curso. 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es